venres, 30 de outubro de 2015

Imaxes do taller na Escola Infantil do Milladoiro

As seguintes fotografías dan conta do ben que o pasaron os nenos e nenas da Escola Infantil do Milladoiro durante o taller celebrado entre os días 19 e 26 de outubro!



martes, 27 de outubro de 2015

O debuxo como medio de expresión

Entre o 19 e o 26 de outubro, 100 alumnos e alumnas da Escola Infantil do Milladoiro tiveron a oportunidade de participar nun taller que consistiu nunha práctica do debuxo como medio de expresión. Os encargados de impartilo foron 19 alumnos e alumnas do Grao de Mestre en Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela coordinados por Silvia Capelo, responsable do deseño das diferentes actividades así como dos seus obxectivos.

Os futuros mestres e mestras conseguiron motivar e dinamizar a todos os nenos e nenas participantes a partir de lenzos transparentes, pelotas, pinturas e o propio corpo. 

A continuación amosámosvos algunhas fotografías para que poidades ver en que consistiu o taller.




venres, 23 de outubro de 2015

The big draw

Enlace moi interesante para coñecer un montón de cousas sobre o Festival de Debuxo máis grande do mundo.

Maratón do debuxante

O vindeiro 7 de novembro de 16:00 a 18:00 h. terá lugar o Maratón do debuxante na Avenida de Xoán XXIII (en caso de choiva, a actividade trasladarase ao Pavillón de Vite I).
O evento enmárcase dentro da celebración internacional The Big Draw, un festival de debuxo que xurdiu no ano 2000 no Reino Unido. A idea é conectar a persoas de todas as idades a través do debuxo e baixo o lema "Drawing changes lives". Neste caso, a xornada está dirixida ás familias que poderán participar nun montón de actividades: marañas de cores, arrollar pelotas, feira de debuxos, pescadores de liñas... Son actividades lúdicas que traballan o movemento, o trazo, as liñas, as cores, etc. entendendo o debuxo dun xeito amplo e como vehículo para a transmisión das emocións.
A proposta forma parte de "Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario" financiado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e organizado polo Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Facultade de Ciencias da Educación e conta ademais coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
O maratón do debuxante é unha acción coordinada por Silvia Capelo coa que colaboran un grupo de monitores e monitoras, estudantes de Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria da USC así coma profesorado do devandito departamento.
Todas as actividades serán de balde e dende aquí animamos a participar a todas as persoas interesadas, saiban debuxar ou non.