martes, 22 de decembro de 2015

Obradoiro de debuxo na Asociación Down de Santiago de Compostela

Durante os meses de novembro e decembro realizáronse na Asociación Down de Santiago de Compostela catro obradoiros de debuxo cos nenos e nenas de sete anos. 

Nestes obradoiros participou alumnado do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela coordinados por Silvia Capelo, vivindo unha experiencia similar á da Escola Infantil do Milladoiro no mes de outubro.

As seguintes fotos amosan todas as actividades que fixeron os nenos e nenas e os estupendos resultados acadados:






venres, 18 de decembro de 2015

Obradoiros de debuxo na residencia de Volta do Castro

O pasado luns 14 de decembro de 11:30 a 12:30 h. celebrouse un obradoiro de debuxo na residencia da terceira idade de Volta do Castro. Nesta actividade participaron oito alumnos e alumnas e dúas profesoras do Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria coordinados por Silvia Capelo.

O obradoiro consistiu na creación de Parangolés, túnicas nas que cada persoa ten que representar e transmitir as súas emocións e sentimentos a través do debuxo e da imaxe. Unha vez que realizaron o parangolés puxérono e comezaron a expresarse cantando cancións. 

Foi unha experiencia moi gratificante tanto para os maiores como para os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación xa que lle permitiu achegarse ao entendemento da vida cotiá deste grupo de persoas e como podedes ver nas fotos pasárono estupendamente!





xoves, 17 de decembro de 2015

Concerto de Nadal na residencia Volta do Castro

O pasado martes 15 de decembro ás 17 horas celebrouse dentro deste proxecto un concerto de Nadal na residencia Volta do Castro de Santiago de Compostela. Pablo Bermúdez, Sebastián Fernández, Patricia Quintela e Antía Cores (alumnado da mención de Educación Musical e do Grao en Mestre/a de Educación Primaria) foron os encargados de encher de música esta residencia dividindo a súa actuación en dúas partes. Na primeira delas, interpretaron cancións instrumentais acompañadas nalgunha ocasión de voz e na segunda parte os catro músicos tocaron e cantaron unha selección de coñecidos vilancicos e panxoliñas coa axuda das voces dos maiores.

Esta experiencia foi moi gratificante para o alumnado de Ciencias da Educación xa que lle permitiu amosar o traballo que realizan día a día como instrumentistas e nesta ocasión nun lugar onde non están acostumados a tocar habitualmente. 



domingo, 13 de decembro de 2015

Exposición do Maratón do Debuxante na Zona C

Entre o luns 14 e o domingo 20 de decembro terá lugar na Zona C situada en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) a exposición de todas as obras creadas no Maratón do Debuxante. 

O horario de apertura de luns a sábado será de 11 a 13 h. e de 17 a 20 horas. O domingo soamente estaremos pola mañá.

Agardámosvos a todos e todas!!


xoves, 3 de decembro de 2015

Imaxes do Maratón do Debuxante de Santiago

O pasado sábado 7 de novembro asistiron cincuenta rapaces e rapazas coas súas familias ao Maratón do Debuxante celebrado na Avenida Xoán XXIII en Santiago de Compostela.

Todos os participantes pasárono moi ben e como mostra as seguintes imaxes: