venres, 23 de outubro de 2015

The big draw

Enlace moi interesante para coñecer un montón de cousas sobre o Festival de Debuxo máis grande do mundo.

Maratón do debuxante

O vindeiro 7 de novembro de 16:00 a 18:00 h. terá lugar o Maratón do debuxante na Avenida de Xoán XXIII (en caso de choiva, a actividade trasladarase ao Pavillón de Vite I).
O evento enmárcase dentro da celebración internacional The Big Draw, un festival de debuxo que xurdiu no ano 2000 no Reino Unido. A idea é conectar a persoas de todas as idades a través do debuxo e baixo o lema "Drawing changes lives". Neste caso, a xornada está dirixida ás familias que poderán participar nun montón de actividades: marañas de cores, arrollar pelotas, feira de debuxos, pescadores de liñas... Son actividades lúdicas que traballan o movemento, o trazo, as liñas, as cores, etc. entendendo o debuxo dun xeito amplo e como vehículo para a transmisión das emocións.
A proposta forma parte de "Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario" financiado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e organizado polo Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Facultade de Ciencias da Educación e conta ademais coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
O maratón do debuxante é unha acción coordinada por Silvia Capelo coa que colaboran un grupo de monitores e monitoras, estudantes de Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria da USC así coma profesorado do devandito departamento.
Todas as actividades serán de balde e dende aquí animamos a participar a todas as persoas interesadas, saiban debuxar ou non.