luns, 14 de marzo de 2016

Últimos días para inscribirse nos obradoiros de música!!

O próximo domingo 20 de marzo remata o prazo para inscribirse nos obradoiros de música que realizaremos no LSC de Villestro. 

Ademais de xogos de movemento e expresión musical, traballaremos coa percusión corporal, interpretaremos danzas de diferentes partes do mundo, cantaremos cancións e tocaremos moitos instrumentos.

Animádevos a participar!!

xoves, 25 de febreiro de 2016

Inscrición para os obradoiros de música no LSC de Villestro

O próximo martes 1 de marzo comeza a inscrición para apuntarse aos obradoiros de música no LSC de Villestro que se celebrarán os mércores dende o 6 de abril ata o 18 de maio. Haberá dous grupos en función das idades: de 17:30 a 18:30 horas para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos e de 18:30 a 19:30 horas para nenos e nenas entre 10 e 12 anos.

Nestas sete semanas pretendemos que todos os rapaces e rapazas fagan música e teñan a posibilidade de tocar diferentes instrumentos coma o xilófono, a pandeireta, o bombo, as maracas, o triángulo, etc. En definitiva, queremos proporcionarlle unha experiencia que lle permita ter un primeiro contacto con diversas cuestións como pode ser a música e o baile tradicional galego (así como danzas doutras partes do mundo), a percusión corporal, a instrumentación Orff ou a construción de instrumentos cotidiáfonos.

Os obradoiros son de balde e animámosvos a participar!!


luns, 25 de xaneiro de 2016

Presentación de Unión de Canles Sociais na Semana da Educación 2016

O próximo xoves 28 de xaneiro terá lugar de 13 a 14 horas a presentación de Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario na aula 12 da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte.

Esta actividade enmárcase dentro da Semana da Educación durante a cal hai programadas máis de corenta actividades. A presentación correrá a cargo de Silvia Capelo, coordinadora do proxecto e é necesario realizar unha inscrición previa para poder asistir á mesma.

Ademais disto, durante toda a Semana da Educación (do 25 ao 28 de novembro), a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte acollerá unha Exposición sobre o Maratón do Debuxante na entrada e corredor da planta 0.



martes, 22 de decembro de 2015

Obradoiro de debuxo na Asociación Down de Santiago de Compostela

Durante os meses de novembro e decembro realizáronse na Asociación Down de Santiago de Compostela catro obradoiros de debuxo cos nenos e nenas de sete anos. 

Nestes obradoiros participou alumnado do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela coordinados por Silvia Capelo, vivindo unha experiencia similar á da Escola Infantil do Milladoiro no mes de outubro.

As seguintes fotos amosan todas as actividades que fixeron os nenos e nenas e os estupendos resultados acadados:






venres, 18 de decembro de 2015

Obradoiros de debuxo na residencia de Volta do Castro

O pasado luns 14 de decembro de 11:30 a 12:30 h. celebrouse un obradoiro de debuxo na residencia da terceira idade de Volta do Castro. Nesta actividade participaron oito alumnos e alumnas e dúas profesoras do Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria coordinados por Silvia Capelo.

O obradoiro consistiu na creación de Parangolés, túnicas nas que cada persoa ten que representar e transmitir as súas emocións e sentimentos a través do debuxo e da imaxe. Unha vez que realizaron o parangolés puxérono e comezaron a expresarse cantando cancións. 

Foi unha experiencia moi gratificante tanto para os maiores como para os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación xa que lle permitiu achegarse ao entendemento da vida cotiá deste grupo de persoas e como podedes ver nas fotos pasárono estupendamente!





xoves, 17 de decembro de 2015

Concerto de Nadal na residencia Volta do Castro

O pasado martes 15 de decembro ás 17 horas celebrouse dentro deste proxecto un concerto de Nadal na residencia Volta do Castro de Santiago de Compostela. Pablo Bermúdez, Sebastián Fernández, Patricia Quintela e Antía Cores (alumnado da mención de Educación Musical e do Grao en Mestre/a de Educación Primaria) foron os encargados de encher de música esta residencia dividindo a súa actuación en dúas partes. Na primeira delas, interpretaron cancións instrumentais acompañadas nalgunha ocasión de voz e na segunda parte os catro músicos tocaron e cantaron unha selección de coñecidos vilancicos e panxoliñas coa axuda das voces dos maiores.

Esta experiencia foi moi gratificante para o alumnado de Ciencias da Educación xa que lle permitiu amosar o traballo que realizan día a día como instrumentistas e nesta ocasión nun lugar onde non están acostumados a tocar habitualmente. 



domingo, 13 de decembro de 2015

Exposición do Maratón do Debuxante na Zona C

Entre o luns 14 e o domingo 20 de decembro terá lugar na Zona C situada en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) a exposición de todas as obras creadas no Maratón do Debuxante. 

O horario de apertura de luns a sábado será de 11 a 13 h. e de 17 a 20 horas. O domingo soamente estaremos pola mañá.

Agardámosvos a todos e todas!!