luns, 24 de xullo de 2017

CURSO "Promovendo o pensamento matemático a través da música: Actividades para a aula de infantil"


Os días 5, 6 e 7 de setembro terá lugar o curso "PROMOVENDO O PENSAMENTO MATEMÁTICO A TRAVÉS DA MÚSICA: ACTIVIDADES PARA A AULA DE INFANTIL" no seguinte horario: DÍA 5: 18 a 21h e  DÍA 6 e 7: 18 a 20.30h 

Aquí os deixamos máis información. 









Obradoiro de Iniciación Musical LSC Figueiras


Dende o 19 de abril ata o 31 de Maio 2017 se levou a cabo no LSC Figueiras un obradoiro de iniciación musical os mércores de 17.30 a 18.30. Nesta edición participaron 9 alumn@s da materia obrigatoria MÚSICA NA EDUCACIÓN PRIMARIA do Grao de Mestre/a en Educación Primaria. Entre as actividades desenvolvidas podemos mencionar:

  • Exploración de instrumentos a través de sonorizacións (paisaxes sonoras, contos)
  • Construción de instrumentos con materias reciclados (maracas, cascabeis,...)
  • Xogos rítmicos
  • Creación dun LipDub
  • Iniciación ao baile tradiconal galego



Aquí os deixamos un vídeo cun baile:

 

¡Moitas grazas a tod@s por participar nesta experiencia!







martes, 31 de maio de 2016

Imaxes do taller de experimentación teatral

Onte pasamos unha divertida tarde no taller de experimentación teatral que impartiu Martín Vallmitjana no ximnasio da facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte. 

Traballamos co corpo e con diferentes textos extraídos de xornais que tivemos que "facelos nosos" interpretándoos e improvisando sobre eles diante dos demais compañeiros e compañeiras.

Moitas grazas a todos e a todas por participar e a Martín Vallmitjana por aproximarnos ao teatro e á xestualidade do intérprete!!

Nas imaxes podedes ver unha mostra do que fixemos.







domingo, 22 de maio de 2016

Taller de experimentación teatral

O próximo luns 30 de maio impartirase no ximnasio da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte un taller de experimentación teatral co relator Martín Vallmitjana. 

A todos os interesados e interesadas pregámoslle enviar un correo de confirmación para a reserva de praza á seguinte dirección: carol.gillanders@usc.es

mércores, 18 de maio de 2016

Derradeira sesión dos obradoiros de música no LSC de Villestro!

Despois de sete semanas disfrutando un montón facendo música os mércores pola tarde, hoxe chegou o momento de despedilos obradoiros. Como así o merecía a ocasión, acompañáronnos case todas as persoas que estiveron traballando durante estas sete sesións: Carol, Patricia, Eva, Antía e José. Faltou Cecilia á que dende aquí tamén lle agradecemos a súa participación.

A sesión comezou cantando a canción de Samba Lelé e acompañándoa de diferentes xestos: 


A continuación Carol tocounos coa frauta traveseira a canción de Star Wars mentres Pablo coa súa máscara e a espada representaba a situación:


Os nenos e nenas que quixeron puideron probar a emitir un son coa embocadura da frauta traveseira:





Despois repasamos a Muiñeira corrida "Felisa vai en coche" cos tres pasos que aprendemos:


E como non podía ser doutro xeito, rematamos cunha pequena merenda e a entrega de diplomas e un recordo dos obradoiros: un lapis musical.


Estas sete semanas pasaron moi rápido e agora que chegamos ao final queremos agradecerlle enormemente a colaboración a María, responsable dos Locais Socioculturais do Rural do concello de Santiago de Compostela, a Cecilia, Eva, Patricia e Antía por deseñar e dirixir todas as sesións, a Carol e ao departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal pola súa axuda en todo momento e aos nenos e nenas participantes e as súas familias, xa que sen eles esta bonita experiencia non tería acontecido.

Agardamos repetila o próximo curso nalgún outro lugar, manterémosvos informados e informadas.

Moitas grazas a todos e a todas e seguiremos aprendendo, compartindo e gozando coa música!!!!

mércores, 11 de maio de 2016

6ª sesión dos Obradoiros de Música!

Hoxe tivemos a penúltima sesión dos obradoiros de música e non podiamos deixar que rematasen sen construír un instrumento que os nenos e nenas puidesen levar para a casa. Así que, na sesión desta semana tocou traballar moito e facer bongós. Tan só necesitamos dúas latas, papel para decoralas, cinta de embalar, cinta illante e un pouco de imaxinación.

Nas imaxes veredes o proceso, o resultado final e o ben que o pasaron os rapaces e rapazas, axudándose un aos outros para que dese tempo a facelos todos:




















Ata a próxima semana!!