xoves, 17 de decembro de 2015

Concerto de Nadal na residencia Volta do Castro

O pasado martes 15 de decembro ás 17 horas celebrouse dentro deste proxecto un concerto de Nadal na residencia Volta do Castro de Santiago de Compostela. Pablo Bermúdez, Sebastián Fernández, Patricia Quintela e Antía Cores (alumnado da mención de Educación Musical e do Grao en Mestre/a de Educación Primaria) foron os encargados de encher de música esta residencia dividindo a súa actuación en dúas partes. Na primeira delas, interpretaron cancións instrumentais acompañadas nalgunha ocasión de voz e na segunda parte os catro músicos tocaron e cantaron unha selección de coñecidos vilancicos e panxoliñas coa axuda das voces dos maiores.

Esta experiencia foi moi gratificante para o alumnado de Ciencias da Educación xa que lle permitiu amosar o traballo que realizan día a día como instrumentistas e nesta ocasión nun lugar onde non están acostumados a tocar habitualmente. 



domingo, 13 de decembro de 2015

Exposición do Maratón do Debuxante na Zona C

Entre o luns 14 e o domingo 20 de decembro terá lugar na Zona C situada en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) a exposición de todas as obras creadas no Maratón do Debuxante. 

O horario de apertura de luns a sábado será de 11 a 13 h. e de 17 a 20 horas. O domingo soamente estaremos pola mañá.

Agardámosvos a todos e todas!!


xoves, 3 de decembro de 2015

Imaxes do Maratón do Debuxante de Santiago

O pasado sábado 7 de novembro asistiron cincuenta rapaces e rapazas coas súas familias ao Maratón do Debuxante celebrado na Avenida Xoán XXIII en Santiago de Compostela.

Todos os participantes pasárono moi ben e como mostra as seguintes imaxes:




mércores, 11 de novembro de 2015

Sae na prensa o Maratón do Debuxante

O xornal La Voz de Galicia publicou o pasado domingo 8 de novembro unha pequena nova sobre o Maratón do Debuxante celebrado en Santiago de Compostela. 



luns, 2 de novembro de 2015

Vídeos do Maratón do Debuxante de Ames

O pasado 19 de setembro celebrouse en Bertamiráns o Maratón do Debuxante. A súa organizadora, Silvia Capelo, gravou estes vídeos para amosarnos algunhas das actividades que realizaron as familias que ata alí se achegaron. 

Este sábado 7 de novembro o Maratón do Debuxante será en Santiago de Compostela así que animámosvos a participar a todos e a todas!!





venres, 30 de outubro de 2015

Imaxes do taller na Escola Infantil do Milladoiro

As seguintes fotografías dan conta do ben que o pasaron os nenos e nenas da Escola Infantil do Milladoiro durante o taller celebrado entre os días 19 e 26 de outubro!



martes, 27 de outubro de 2015

O debuxo como medio de expresión

Entre o 19 e o 26 de outubro, 100 alumnos e alumnas da Escola Infantil do Milladoiro tiveron a oportunidade de participar nun taller que consistiu nunha práctica do debuxo como medio de expresión. Os encargados de impartilo foron 19 alumnos e alumnas do Grao de Mestre en Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela coordinados por Silvia Capelo, responsable do deseño das diferentes actividades así como dos seus obxectivos.

Os futuros mestres e mestras conseguiron motivar e dinamizar a todos os nenos e nenas participantes a partir de lenzos transparentes, pelotas, pinturas e o propio corpo. 

A continuación amosámosvos algunhas fotografías para que poidades ver en que consistiu o taller.