martes, 12 de abril de 2016

Nova no xornal da USC sobre os Obradoiros de Música

O Xornal da USC publica hoxe unha nova relacionada cos obradoiros de música que se están a desenvolver, coa colaboración do Concello de Santiago, dende o pasado mércores 6 de abril no LSC de Villestro.


xoves, 7 de abril de 2016

1ª sesión no LSC de Villestro

Onte tivemos a primeira sesión dos obradoiros de música no LSC de Villestro. Os participantes pasárono moi ben e quedaron con ganas de máis. Para que vos fagades unha idea adxuntamos fotografías das actividades realizadas:

Pelota preguntona: Comezamos a sesión con esta actividade de presentación na que tiñan que pasar a pelota ao ritmo da música que sonaba e cando esta paraba, a persoa que tiña o balón na man respondía a unha pregunta.



Musicalización da sinatura: Despois dun momento de exploración dos diferentes instrumentos que tiñamos, debuxaron a súa sinatura nuns papeis grandes e crearon unha música que representara os seus trazos. 



Danza de Escandinavia: Nun mapa de Europa situaron as diferentes danzas que bailaremos durante os obradoiros e interpretaron unha danza que se baila na rexión de Escandinavia. 




Presentación da guitarra e o violín: Rematamos a sesión cunha presentación de dous instrumentos de corda, a guitarra e o violín cos que os nenos e nenas tocaron as primeiras notas  e acordes de melodías coñecidas como "A Pantera Rosa", "Piratas do Caribe" ou "Campanita".






luns, 14 de marzo de 2016

Últimos días para inscribirse nos obradoiros de música!!

O próximo domingo 20 de marzo remata o prazo para inscribirse nos obradoiros de música que realizaremos no LSC de Villestro. 

Ademais de xogos de movemento e expresión musical, traballaremos coa percusión corporal, interpretaremos danzas de diferentes partes do mundo, cantaremos cancións e tocaremos moitos instrumentos.

Animádevos a participar!!

xoves, 25 de febreiro de 2016

Inscrición para os obradoiros de música no LSC de Villestro

O próximo martes 1 de marzo comeza a inscrición para apuntarse aos obradoiros de música no LSC de Villestro que se celebrarán os mércores dende o 6 de abril ata o 18 de maio. Haberá dous grupos en función das idades: de 17:30 a 18:30 horas para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos e de 18:30 a 19:30 horas para nenos e nenas entre 10 e 12 anos.

Nestas sete semanas pretendemos que todos os rapaces e rapazas fagan música e teñan a posibilidade de tocar diferentes instrumentos coma o xilófono, a pandeireta, o bombo, as maracas, o triángulo, etc. En definitiva, queremos proporcionarlle unha experiencia que lle permita ter un primeiro contacto con diversas cuestións como pode ser a música e o baile tradicional galego (así como danzas doutras partes do mundo), a percusión corporal, a instrumentación Orff ou a construción de instrumentos cotidiáfonos.

Os obradoiros son de balde e animámosvos a participar!!


luns, 25 de xaneiro de 2016

Presentación de Unión de Canles Sociais na Semana da Educación 2016

O próximo xoves 28 de xaneiro terá lugar de 13 a 14 horas a presentación de Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario na aula 12 da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte.

Esta actividade enmárcase dentro da Semana da Educación durante a cal hai programadas máis de corenta actividades. A presentación correrá a cargo de Silvia Capelo, coordinadora do proxecto e é necesario realizar unha inscrición previa para poder asistir á mesma.

Ademais disto, durante toda a Semana da Educación (do 25 ao 28 de novembro), a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte acollerá unha Exposición sobre o Maratón do Debuxante na entrada e corredor da planta 0.



martes, 22 de decembro de 2015

Obradoiro de debuxo na Asociación Down de Santiago de Compostela

Durante os meses de novembro e decembro realizáronse na Asociación Down de Santiago de Compostela catro obradoiros de debuxo cos nenos e nenas de sete anos. 

Nestes obradoiros participou alumnado do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela coordinados por Silvia Capelo, vivindo unha experiencia similar á da Escola Infantil do Milladoiro no mes de outubro.

As seguintes fotos amosan todas as actividades que fixeron os nenos e nenas e os estupendos resultados acadados:






venres, 18 de decembro de 2015

Obradoiros de debuxo na residencia de Volta do Castro

O pasado luns 14 de decembro de 11:30 a 12:30 h. celebrouse un obradoiro de debuxo na residencia da terceira idade de Volta do Castro. Nesta actividade participaron oito alumnos e alumnas e dúas profesoras do Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria coordinados por Silvia Capelo.

O obradoiro consistiu na creación de Parangolés, túnicas nas que cada persoa ten que representar e transmitir as súas emocións e sentimentos a través do debuxo e da imaxe. Unha vez que realizaron o parangolés puxérono e comezaron a expresarse cantando cancións. 

Foi unha experiencia moi gratificante tanto para os maiores como para os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación xa que lle permitiu achegarse ao entendemento da vida cotiá deste grupo de persoas e como podedes ver nas fotos pasárono estupendamente!