mércores, 11 de maio de 2016

6ª sesión dos Obradoiros de Música!

Hoxe tivemos a penúltima sesión dos obradoiros de música e non podiamos deixar que rematasen sen construír un instrumento que os nenos e nenas puidesen levar para a casa. Así que, na sesión desta semana tocou traballar moito e facer bongós. Tan só necesitamos dúas latas, papel para decoralas, cinta de embalar, cinta illante e un pouco de imaxinación.

Nas imaxes veredes o proceso, o resultado final e o ben que o pasaron os rapaces e rapazas, axudándose un aos outros para que dese tempo a facelos todos:




















Ata a próxima semana!!


mércores, 4 de maio de 2016

5ª sesión no LSC de Villestro!!

Coma todos os mércores, hoxe pola tarde estivemos no LSC de Villestro impartindo os obradoiros de música e tocoulle acompañarnos a Eva. 

Comezamos a sesión cun xogo de discriminación auditiva empregando tres campás. Como vedes nas imaxes, todos tiñan os ollos pechados mentres tocabamos unha secuencia que tiñan que adiviñar, identificando así o timbre de cada campá: 




Despois, realizamos unha actividade que os alumnos e alumnas propuxeron a semana pasada: musicalizar unha situación que eles mesmos escolleron, "un tren descarrilado". Con diferentes instrumentos fixeron o son do claxon do tren, dos carrís, dos pasaxeiros, do fume, etc. Roberto e Pablo foron os directores e ían marcando as diferentes entradas. 





Como vén sendo habitual nas últimas sesións, tocamos unha nova peza cos Instrumentos Orff, un pouco máis complexa pero sonaba moi ben!!




Traballamos cunha das catro calidades do son: a intensidade, facendo con diferentes instrumentos varios patróns rítmicos tocando forte e suave.



E... rematamos a sesión co teclado e o clarinete!





E cunha boa mostra do que fixemos hoxe despedímonos ata o próximo mércores que teremos a penúltima sesión.

xoves, 28 de abril de 2016

4ª sesión dos Obradoiros de Música!!

O mércores 27 de abril tivemos a cuarta sesión dos Obradoiros de Música no LSC de Villestro e acompañounos, unha vez máis, Patricia. 

Comezamos a sesión cun xogo, o escondite musical no que entre todos agochabamos un obxecto e un detective tiña que atopalo en función de como sonaban os instrumentos. Cando estaba lonxe do obxecto, tocabamos suave e a medida que se ía aproximando comezabamos a tocar máis forte. Como podedes apreciar nas imaxes, Ángel e Roberto estaban a piques de atopalo:




Despois disto, bailamos e cantamos unha muiñeira corrida titulada "Felisa vai en coche", diferenciando as dúas partes principais: nunha delas bailamos o "agarrado" e na outra fixemos diferentes puntos que aprendimos. 






Ao rematar coa muiñeira montamos unha orquestra de instrumentos Orff e repasamos a canción aprendida hai dúas semanas atendendo ás indicacións da nosa directora Patricia:




E para rematar esta sesión, por petición dos nenos e nenas, repetimos a Danza dos Sete Saltos:



Moitas grazas a todos os participantes e vémonos a próxima semana!!!

mércores, 20 de abril de 2016

3ª sesión dos Obradoiros de Música

Na sesión de hoxe acompañounos Eva e realizamos diferentes actividades. Comezamos co xogo das cadeiras, eliminando aos que non conseguían sentarse ata que tivemos un gañador:



A continuación, fixemos unha ronda de percusión corporal imitando e propoñendo distintos motivos mentres cantabamos unha canción e despois tocamos cos bongós diferentes patróns rítmicos:



Con diferentes instrumentos fixemos a musicalización dunha tormenta no mar, interpretámola e gravámola para deixar constancia do resultado:





E por último, coma sempre, presentación de instrumentos e hoxe por partida dobre!! Dividímonos e algúns estiveron con Eva e o teclado e outros con Antía e o clarinete. A próxima vez que volva Eva, intercambiamos os grupos.




mércores, 13 de abril de 2016

2ª sesión dos obradoiros de música!!

Hai unhas horas tivemos a segunda sesión dos obradoiros de música e despois de que a semana pasada nos acompañara Cecilia coa súa guitarra, hoxe tocoulle a Patricia co seu acordeón. Ademais, tamén levamos un montón de instrumentos: 



Comezamos a sesión cun xogo chamado "Quen dirixe a orquestra?":


Recordamos a Danza de Escandinavia da sesión anterior. Hoxe xa saíu perfecta...


Tocamos diferentes ritmos tradicionais galegos con instrumentos como as cunchas, as culleres ou as pandeiretas, mentres Patricia nos acompañaba co acordeón:




Montamos unha pequena orquestra de instrumentos Orff...




E antes de marchar puideron tocar algunhas notas no acordeón e bailar a danza dos Sete Saltos!!



O próximo mércores seguimos aprendendo e disfrutando!!!