venres, 10 de novembro de 2017

 2ª SESIÓN NO LSC A PEREGRINA!!!

O xoves día dous de novembro, asistimos, Paula e Miriam, ao Centro Sociocultural situado na Peregrina (Santiago de Compostela) para levar a cabo un taller musical. Os nosos nervios e incerteza leváronnos a chegar case unha hora antes da necesaria. Con todo, isto serviunos para probar con tranquilidade o dispositivo de música e observar o espazo do que dispoñiamos para a realización das actividades. Ademais, e facendo uso da interesante información achegada polas compañeiras que iniciaron o taller, decidimos retirar os balóns presentes na aula, pois eran obxecto de distracción. Pasado este longo tempo, comezaron a chegar os nenos e nenas, correndo e xogando entre eles. A verdade é que ao principio nos resultou difícil atraer a súa atención xa que non teñen como costume a execución dunha rutina fixa pero a medida que nos fomos coñecendo, comezaron a mostrar maior interese, destacando as inmensas ganas que demostraron por tocar os instrumentos musicais.

Para o xogo de presentación, 'A pelota preguntona', decidimos utilizar un balón coa finalidade de que asociasen a sesión con algo que a eles agradáselles.  Pola súa banda, nas actividades centrais, houbo disparidade de opinións: algunhas actividades gustaban máis que outras, algúns nenos mostrábanse máis recíprocos e outros máis distantes. Gustaríanos destacar que os xogos favoritos dos nenos e nenas foron aqueles en os que eles manipulaban os instrumentos e o xogo que acompañamos con distintos cartóns de animais da granxa, pois estaban constantemente pendentes de que llas gardásemos ata o final da clase.


A continuación, e co obxectivo de non introducir de forma abrupta o baile galego, pensamos realizar unha actividade na que se fixese referencia a diferentes danzas do mundo. Debido ao pouco tempo que nos quedaba, mostrámoslles tres danzas, das cales unicamente lles ensinamos o baile de dous, 'Indo Eu' de Portugal e a 'Muiñeira de Lugo' de Galicia. Durante esta actividade foi interesante e un acerto que os nenos se tombasen no chan mentres escoitaban as distintas melodías. É necesario que durante unha sesión dunha hora, os nenos e nenas teñan o seu momento de relaxación e silencio.

Para finalizar a sesión, entregámoslles papel e ceras para que deixasen fluír a súa imaxinación. Non queriamos que debuxasen nada en concreto senón o que sentían nese preciso momento.




Ningún comentario:

Publicar un comentario