venres, 10 de novembro de 2017

XOVES 26 DE OUTUBRO: 1ª SESIÓN NO LSC A PEREGRINA

O xoves 26 de outubro tivemos a primeira sesión dos obradoiros de música no LSC de A PEREGRINA a cargo de dúas alumnas de segundo curso do Grao en Mestra de Educación Primaria que se ofreceron como voluntarias para o taller sociocultural. No devandito taller, tiveron que preparar unha clase enfocada á materia de música e máis directamente á recuperación de tradicións a través dela.

En primeiro lugar, deseñaron a sesión con diversas actividades baixo as directrices recibidas. Sabían que se trataba de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos, pero non sabían con precisión cantos serían. Tamén descoñecían os recursos que nos podía ofrecer o lugar no cal a impartirían. Por este motivo, unha vez no local tiveron que facer uso da improvisación! Menos mal que chegaron con tempo para coñecelo.

Empezaron cun xogo de presentación para poder familiarizarse cos nenos e nenas. Esta actividade foi acompañada da canción 'Moving' de Macaco, xa que tiñan que escoller unha canción que iniciase os talleres de cada semana para poder darlle unidade aos mesmos. Continuaron cunha actividade rítmica na cal os nenos tiñan que afinar o seu oído e desprazarse a medida que soaba unha caixa chinesa. Logo, realizaron outros xogos como o do espello musical ou o de sentir a música. Finalmente, para pechar o taller fixeron unha pequena iniciación ao baile tradicional de Galicia, para mostrarlles aos nenos e nenas unha pequena parte da nosa gran riqueza cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario